O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela en colaboración coas bibliotecas proxecta esta tarde ás 20:30 horas na Casa da Cultura o documental “100% CEF” en torno á vida e obra do autor Celso Emilio Ferrreiro. Con guión e dirección de Aser Álvarez e co actor Luís Tosar no papel de Celso Emilio.
O documental, biografía do escritor, xornalista e polifacético celanovés, é o froito da edición e da montaxe de case cen horas de gravación con entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e musicacións que axudan a debuxar un retrato contemporáneo de Celso Emilio Ferreiro. Ao longo dunha hora de duración, o poeta é reconstruído a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos, amigos e tamén grazas á participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len e rapean e cantan os seus poemas. Ao remate da proxección celebrarase unha charla coloquio co seu director Aser Alvarez. A V semana do libro que están a celebrar as Bibliotecas de Redondela conxuntamente co Servizo de Normalización remata mañá cun recital musicado de poemas de Rosalia de Castro. Un espectáculo baixo o nome de “Tecín soa a miña tea” que terá lugar no Multiusos do Piñeiral o xoves ás 20:30 horas con entrada de balde.