A Asociación de Empresarios de Redondela confirma que malia a situación de asfixia que padece o sector, no noso concello estanse mantendo os negocios e os emprendedores, aínda que con dificultades, están a sobrevivir. Co obxectivo de asesorar e informar a emprendedores e autónomos organizan o xoves no Convento de Vilavella unha xornada aberta a partir das 20:00 horas.
Como enfrontarse á crise, perspectivas de futuro, como lograr financiamento ou acceder a axudas das administracións son algúns dos temas que se abordarán na Xornada aberta que se celebra mañá no convento e que contará coa ponencia do economista e consultor de negocios Enrique Domínguez Lino que analizará a reforma da lei concursal; a asesora xurídica Alejandra Caamaño Rivas, que explicará as coberturas sociais dos autónomos e o subdirector xeral de apoio á contratación, Jorge Barros de la Peña, que informará sobre as axudas e apoios que dende a Xunta e o goberno central ofrecen aos novos emprendedores e autónomos. Un sector que está tamén a sufrir os efectos da crise pero que segundo apunta o presidente da Asociación de Empresarios, José Antonio Gómez está a ter un mellor comportamento que noutros concellos limítrofes como o acredita o feito de que non se vexan moitos locais pechados. Unha situación que espera serva de vantaxe para que Redondela estea mellor posicionada cando se supere o período de recesión”. A xornada está organizada pola Asociación de empresarios de Redondela, APE Galicia e a Xunta.