Prata na final da categoría Absoluta Feminina e bronce en Promesa Feminina e Absoluta Masculina. Ese é o extraordinario balance do equipo redondelán na proba estatal, onde conseguían tamén o cuarto posto na proba Xuvenil Masculina.
Os bateis galegos fixeron un espléndido papel, e foi Samertolameu o club con mellores resultados, ao facerse coas dúas Bandeiras nas categorías Absolutas Feminina e Masculina. Tamén Cabana Ferrol izou a de campión na Bandeira en Infantil masculino. Chapela sumou tres brillantes medallas, unha de prata e dúas de bronce; Náutico de Vigo e Amegrove unha de prata cada un o mesmo que Cabo de Cruz e Robaleira que se colgaron unha de bronce cada un. As pésimas condicións climatolóxicas, con forte vento e moito frío, sen dúbida influíron de forma negativa no rendemento dos atletas galegos. As mozas de Meira levaron a Bandeira e título nacional por segundo ano consecutivo. Dominio total e superioridade manifesta sobre Chapela que foi o único rival que puido inquietarlle, levándose as chapeleiras a medalla de prata, mentres Tirán caía” á cuarta praza en beneficio de Koxtape. E na categoría masculina superioridade total e vitoria conseguida con coraxe e ambición de Samertolaméu, deixando a Estaleiro sen argumentos na segunda praza e un Chapela que mereceu mellor sorte na terceira posición. O título dos infantís e vitoria de Cabana de Ferrol, que é a súa segunda Bandeira consecutiva, foi loitada e defendida até a última palada. Getxo tentou oporlle resistencia pero acabou derrotado con gran superioridade polos ferroláns. Mecos outro candidato ás medallas foi cuarto. A final de promesas feminino foi unha vitoria clara de Orio, seguido de Estaleiro e Chapela, terceiro, e Vilaxoán, cuarto, ambos en pechada loita pola medalla. En xuvenil feminino vitoria de Hibaika seguido de Estaleiro e Cabo de Cruz na terceira posición e medalla de bronce. Amegrove foi cuarto e Robaleira pechou a final en quinta posición. A final de cadete masculino foi outra vitoria clara de Orio, mentres a prata e o bronce disputáronllo até o último suspiro Náutico de Vigo e Robaleira, inclinando a prata ao seu favor os vigueses por apenas 27 centésimas. En xuvenil masculino Ondárroa e Amegrove ofreceron un duelo co corazón na boca. Na última palada os vascos de Ondárroa meteron a proa por diante dos grovenses. Unha medalla de prata que sabe a pouco. Chapela foi cuarto tamén póndolle moi difícil a medalla de bronce ao cántabro San Pantaleón. Nas finais de consolación Náutico de Vigo foi o vencedor en promesas feminino e Perillo, terceiro. Mecos segundo en xuvenil; Ares gañou a consolación en infantil masculino, o mesmo que Mecos en cadetes, mentres Esteirana e Cabana Ferrol eran segundos en xuvenil e absoluto.