De xeito unánime todos os grupos presentes na corporación municipal amosaron o seu apoio a unha moción do BNG e se comprometeron a apoiar as mobilizacións que os traballadores da empresa con sede en Chapela acorden levar a cabo en defensa dos seus postos de traballo. Malia chegarse a un acordo unánime o debate non estivo exento de polémica ao rexeitar os nacionalistas un terceiro punto que na moción querían introducir os populares.
Goberno e oposición instarán conxuntamente á Xunta que poña en marcha medidas que sirvan para manter a galeguidade de empresa e apoiarán aquelas mobilizacións que convoquen os traballadores en defensa do seu emprego. Dende o Bloque lembraban na súa exposición de motivos que Pescanova é unha empresa punteira que atravesa unha grave situación que pon en perigo os postos de traballo de máis de 1.000 persoas en Galicia e 8.000 en todo o mundo aos que habería que engadir os máis de 5.000 postos de traballo indirecto no noso país. Facía fincapé a nacionalistas Cecilia Pérez Orge no feito de que esta empresa ten recibido en múltiples ocasións axudas públicas do goberno galego desde que en 1995 se lle inxectaran 42 millóns de euros para evitar a súa compra por parte de Unilever e lembraba que o seu desmantelamento suporía un grave problemas para o noso concello e para Galicia. Dende o PSOE amosaban tamén o seu apoio á proposta e reclamaban responsabilidades sobre as axudas públicas que esta e outras empresas teñen recibido por parte da administracións. Malia chegarse a un acordo unánime o debate non estivo exento de polémica ao rexeitar os nacionalistas un terceiro punto que na moción querían introducir os populares. A emenda do PP solicitaba que se instase á Xunta a que se manteña a sede de Pescanova en Redondela. Unha emenda que o BNG rexeitaba por entender que esa cuestión non está sobre a mesa neste momento.