O restaurador do local Pandemonium chega a Redondela para promocionar, da man do programa Showcooking cociña de Mercado de Deputación, os produtos frescos e dinamizar o mercado municipal. Con ese obxectivo fará mañá martes ás 12:00 horas unha demostración en directo da súa cociña, coa elaboración de diferentes receitas cuxo produto estrela será o choco.
No acto de mañá os clientes do mercado de abastos poderán comprobar en directo como traballa cos produtos frescos o popular restaurador, así como coñecer de primeira man a importancia dos produtos frescos para a elaboración de exquisitas receitas. Neste caso o produto estrela será o choco o que sirva de ingrediente principal á receita deste restaurador.
O acto, que dará comezo ás 12,00 horas, servirá tamén presentar os novos contidos do Tótem Interactivo instalado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e pola Deputación de Pontevedra no Mercado Municipal de Redondela, no que se ofrece información turística do concello, datos e información sobre os servizos que ofrece o mercado e, sobre todo, receitas de cociña que os clientes poden imprimir directamente e levar para a casa no momento de facer a compra na praza.
Algunhas destas receitas son o froito dun concurso levado a cabo pola Deputación Provincial e a Dirección Xeral de Comercio entre os vendedores e vendedoras dos mercados de abastos, mentres que outras son as achegadas polos prestixiosos cociñeiros que conforman o coñecido como Grupo Nove.
O obxectivo deste programa, integrado no proxecto Rías Baixas, Territorio Gastronómico, é contribuír a modernizar os mercados de abastos, axudarlles a captar novos clientes e dotalos de atractivos para que a xente nova vexa nestes centros un lugar idóneo para a adquisición de produtos frescos.
Festa do Choco
A “show cooking” que se celebra mañá no mercado de abastos é un adianto da convocatoria que o mesmo chef nos deixa para esta fin de semana, neste caso enmarcada dentro do programa da XXVII edición da Festa do Choco e que o levará a amosar o seu bo facer na cociña nun acto aberto previsto para as 20:00 horas do vindeiro sábado.