As listas do paro non experimentaron no último mes cambios salientables, manténdose o número de desempregados na nosa comarca en 4.815 persoas, das cales 3.086 son veciñas de Redondela, onde foron tan só dúas as persoas que abandonaron as listas do INEM.
Redondela, Soutomaior e Fornelos experimentaron unha lixeira diminución no número de desempregados, sendo neste último concello onde a caída foi maior aínda que tan só foron 9 as persoas que abandonaron a situación de desemprego. Pola contra en Pazos de Borbén a cifra viuse incrementada en cinco persoas.
Os datos feitos públicos onte polo Ministerio de Traballo deixan polo tanto cambios pouco apreciables na evolución do emprego na nosa comarca aínda que no caso de Redondela confírmase unha tendencia á baixa por terceiro mes consecutivo, logo de que no mes de febreiro o número de parados diminuíra en 30 persoas, no mes de marzo en 69 e no mes de abril segund oos datos que vimos de coñecer en tan só dúas persoas.
Con todo, estas cifras seguen a ser negativas se os comparamos coa situación comarcal de hai un ano cando o número de desempregados nos catro concellos ascendía a 4.677 persoas e en Redondela a cifra situábase en 3.000 parados.