Con ese lema arranca en Redondela unha campaña promocional do comercio local promovida dende o colectivo Senghasoil. Hoxe mércores convocan aos comerciantes a se achegar a unha xuntanza no Multiusos para que se animen a participar da iniciativa que contará tamén coa colaboración dos rapaces dos centros educativos do Concello.
O Colectivo Senghasoil promove esta iniciativa que a través de diferentes accións quere concienciar aos veciños da importancia de facer as súas compras no pequeno comercio local. Salientan o feito de que o consumo nos comercios do lugar favorece o fomento da economía local, axudando a manter e xerar emprego e supón tamén un xesto que inflúe positivamente no medioambiente, xa que evita que empreguemos o coche e, polo tanto,diminúe a contaminación. Tani Mantínez, membro do colectivo, fai unha chamamento aos comerciantes a que se acheguen hoxe mércores ás 21:00 horas ao Multiusos onde terá lugar unha xuntanza na que se informará da devandita campaña e se porán sobre a mesa as diferentes iniciativas que pretenden levar a cabo, entre as que se atopa unha colaboración cos rapaces de 6º da ESO dos centros educativos do Concello para elaborar unha imaxe promocional do comercio.