A folga educativa arrincou cun “éxito rotundo” en Galicia cun seguimento medio do 85% segundo os datos achegados polas plataformas en defensa do ensino público, que destacaron tamén a ausencia de incidentes. En Vigo dende as 11:30 horas unha multitudinaria protesta percorreu ás rúas do centro da cidade, unha mobilización secundada no noso concello pola maior parte das ANPAS dos centros públicos.
As asociacións de pais e nais de Ventosela, Santa Mariña, Outeiro das Penas, Santo Paio de Abaixo, Cedeira, Pedro Floriáni e San Simón amosan o seu apoio a unha folga que segundo explican non so xerarquiza, desautoriza e recorta os dereitos do profesorado senon que “o problema máis grave é que a nova lei, selectiva, elitista e segregadora, é un asalto ao ensino público”. Os recortes económicos, a introdución das reválidas dende 3º de primaria, o financiamento dos centros en función do rendemento do alumnado, a promoción da materia de relixión ou as achegas de cartos públicos a centros que segreguen ao alumnado por razón de sexo son tan só algúns dos motivos que levan a estas Asociacións a secundar o paro. Unhas declaracións que deixaba nos nosos micrófonos unha das integrantes da ANPA do Santa Mariña, Pili Sotelino, mentres participaba da manifestación celebrada en Vigo que se desenvolveu nun ambiente festivo e con milleiros de participantes que ateigaban as rúas e entre os que se atopaban mentres, pais, nais e moito alumnado.