Co propósito de atraer público adolescente e de prolongar a programación ata despois da cea, botan a andar nesta edición do Festival Internacional de Tïteres as “noites Titeresantes” con funcións para adultos que terán lugar na Disco Tasca o venres e sábado na medianoite. os máis cativos tamén terán un oco no espectáculo para bebés “El pollo Pepe” dos madrileños Teatro de la Luna o domingo ás 17:30 e 19:00 horas no Campo da Petanca.
Nun intento por abrir o Festival a novos espazos, o Museo Meirande converterase en escenario de teatro, monicreques e maxia durante a tarde do Día das Letras. Para favorecer o transporte haberá servizo de bus entre A Farola e o museo, cun prezo de 3€ nenos e 5€ adultos ida e volta. Esta é tan só unha das novidades deste ano dun festival que se celebrará entre o 14 e o 19 de maio e que espera repetir o éxito de público de edicións anteriores coa presenza duns 35.000 espectadores “sempre e cando o tempo acompañe”. Cun orzamento de 70.000 euros, cofinanciado entre a Asociación Xente Titiriteira a través da venda de merchandaising, entradas e colaboracións dos comerciantes da vila e os 35.000 euros que achega o Concello, o programa mantén a calidade e a vocación internacional con compañías de Francia, Chile e Italia, Andalucía, Cataluña, Madrid e Galicia.