Non defraudou a afección nin tampouco o fixo o equipo. A SAR deu un paso de xigante esta fin de semana logrando o ascenso a Primeira Nacional logo de vencer ao Balonmano Arroyo no encontro disputado no pavillón da bomboneira cun cheo absoluto por 26 goles a 19.
Unha merecida vitoria que deu paso ás celebracións logo de toda unha fin de semana cargada de deporte e moita emoción no pavillón Municipal. A SAR chegaba a ese partido final logo de ter conseguido dous triunfos nas dúas primeiras xornadas da fase de ascenso organizada polo propio Club no ano no que conmemoran o 50 aniversario do equipo.
O primeiro dos encontros foi na tarde do venres cando a SAR lograba vencer por 27 goles a 20 ao Hotel Estación Luanco dando xa un importante paso cara o ascenso. O sábado enfrontáronse ao equipo Baplamel de Melilla e amosaron novamente o seu bo estado de forma vencendo por 23 goles a 17.
O último dos encontros desatou a euforia no pavillón ao certificar a SAR Plastic Omnium o ascenso nun encontro con superioridade local tal e como certifica o resultado final. 26 goles para a SAR 19 para os leoneses, o balonmano Arroio.