O club de remo redondelán, campión en xuvenís, e o Samertolaméu, que se impuxo nas categorías absolutas masculina e feminina, foron os grandes vencedores das finais do Campionato Territorial Sur de traiñeiriñas celebrado en Meira. O C.R. Chapela clasificouse tamén nas dúas categorías absolutas, ao ser segundos na feminina e terceiros na masculina.
Nas tres regatas os vencedores foron moi superiores aos seus rivais. Na categoría xuvenil o campión foi Chapela, que estivo intratable, cunha vitoria abafante logo de gañar a cabeza de regata desde os primeiros compases. Segundo foi Amegrove pero xa a nove segundos dos chapeleiros e moito máis atrás Tirán, Mecos e Coruxo. Na absoluta feminina as mozas de Meira foron contundentes unha vez máis e desde a saída deixaron sen opcións aos demais barcos, Chapela foi segunda, pero a once segundos, e moito máis atrás Mecos, Tirán e Bueu. En categoría absoluta masculina Samertolaméu, xa no primeiro longo, foi moi superior. Seguiulle Tirán pero só puido ser segundo e a seis segundos dos de Meira. Logo Chapela, Moaña e Vilaxoán cunha excelente regata entraron a 8, 10 e 12 segundos do vencedor. Destes finalistas, fixéronse cunha praza para competir no Campionato de Galicia o próximo fin de semana en Esteiro (Muros), os catro primeiros de cada categoría. O campionato autonómico será os días 25 e 26 de maior. No Territorial Norte, Cabo da Cruz erixiuse como o rei, gañando nas tres categorías.
Resultados Campionato Territorial sur:
Absoluto feminino: 1.- Samertolaméu, 15.43:39; 2.- Chapela, 15.54:62; 3.- Mecos, 16.01:79; 4.- Tirán, 16.05:14; 5.- Bueu, 16.21:92.- Xuvenil masculino: 1.- Chapela, 14.38:97; 2.- Amegrove, 14.47:31; 3.- Tirán, 15.10:56; 4.- Mecos, 15.48:12; 5.- Coruxo, 15.55:66.- Absoluto masculino: 1.- Samertolaméu, 13.46:44; 2.- Tirán, 13.52:28; 3.- Chapela, 13.54:59; 4.- Moaña, 13.56:28; 5.- Vilaxoán, 13.58:00.