Celebrarase do 25 ao 28 de xuño en colaboración co club Náutico de Redondela e a SAR. Ademais da práctica deportiva contarán tamén con actividades culturais e lúdicas coa participación do Conservatorio de Música Municipal e Protección Civil. Esta é unha das novidades do club que porá en marcha a nova directiva con Julio Mougán na presidencia.
Logo de tres temporadas con Juan Manuel Nogueira á fronte do Redondela F.S., a directiva pedía un relevo. O Multiusos da Xunqueira celebrou onte a asemblea e os socios acordaron por unanimidade que Julio Mougán sexa o novo presidente, ao ser a súa a única candidatura que se presentaba. Deste xeito Mougán compaxinará o seu papel de adestrador do equipo sénior co de directivo, co obxectivo de dar “continuidade” ao traballo feito ata o de agora polo anterior equipo. A filosofía do club seguirá a ser a mesma, dar prioridade ó deporte base e fomentar a canteira. Para iso Mougán continuará co labor que comezou nesta pasada temporada, afondando na formación de novos adestradores e co “traballo diario”. Pero tamén haberá algunhas novidades, como a recuperación do Campus Polideportivo despois dunha década. Unha proposta deportiva, lúdica e formativa para nenos e nenas que se vai celebrar na última semana de xuño, do día 25 ao 28. Ademais do fútbol sala os participantes poderán practicar balonmán da man da SAR e natación co Club Náutico Redondela. O campus incluirá tamén outras actividades en colaboración co Conservatorio de Música e saídas didácticas coa participación de Protección Civil. Mougán entende que será unha semana “divertida e enriquecedora” para os rapaces, que o vivirán “como un agasallo” unha vez rematado o curso escolar.