A actuación terá lugar mañá martes no Multiusos da Xunqueira con entrada de balde e está enmarcada dentro do programa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia “Mil festas máis para a lingua galega”. O concerto ás 20:00 horas conta ca colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Redondela.
Con este acto preténdese lembrar a figura de Adolfo Domínguez Otero, coñecido popularmente como Fito, membro de A Roda e falecido en setembro do pasado ano. Unha homenaxe enmarcada dentro da campaña “Mil festas máis para a lingua galega” creada hai seis anos co obxectivo de lograr que os concellos e as comisión de festas exalten nos seus programas os valores propios da cultura galega, prestando especial atención ás tradicións e á historia local así como outros elementos definitorios da identidade. Así por exemplo reivindican que na contratación de orquestras se estableza unha cláusula na que se obrigue a estas agrupacións musicais a que programen versións na nosa lingua, e que sexa en galego aló menos o 20% do seu repertorio. Tamén demandan que se respecte a toponimia oficial, que a publicidade sexa sempre en galego e que as persoas encargadas do pregón teñan coñecementos de historia, patrimonio e da tradición local. Xosé González, membro da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística salienta a importancia das festas populares na labor de culturización e máis nun país como o noso onde o número de agrupacións musicais é moi superior a outras comunidades. Reivindica ademais o papel de grupos como A Roda e Treixadura si comprometidos co espallamento do idioma e que estarán este martes en Redondela achegando a súa música a todos aqueles que participen do concerto ás 20:00 horas no Multiusos.