O equipo redondelán foi o único dos participantes que subiu ó podio nas tres finais disputadas onte en augas da baía de Esteiro (Muros), e clasificouse para os campionatos estatais a próxima fin de semana. Samertolaméu foi vencedor nas dúas categorías absolutas, feminina e masculina, e Cabo da Cruz se impuxo na categoría xuvenil masculino.
As tres finais foron emocionantes e todos os equipos ofreceron unha espectacular xornada deportiva de remo. Entre os campións hai que destacar as embarcacións do Club de Remo Chapela, que conquistaron os tres subcampionatos, demostrando unha vez máis unha espectacular regularidade, como viñeron ofrecendo todo o ano. As tres medallas de bronce repartíronas Mecos, Amegrove e Tirán. A primeira final da xornada, a feminina, ofreceu un recital de Samertolaméu que fixou o camiño cara á xa esperada vitoria, aumentando a súa vantaxe en cada longo. Chapela foi de menos a máis e colocouse segunda, posición que defendeu con solvencia ante os ataques de Mecos e Tirán, xa que Bueu non puido seguir o ritmo e foise caendo na quinta posición. As mozas de Samertolaméu manteñen a súa candidatura a repetir triunfo no Campionato de España de traiñeiriñas da próxima fin de semana en Meira (Moaña), por cuarto ano consecutivo. Os xuvenís de Cabo da Cruz fixeron unha extraordinaria regata. Unha vitoria moi ben traballada que non deixou opción a Chapela, que foi segundo, e Amegrove, terceiro. Rianxo e Esteirana pecharon a serie. A final da categoría absoluta masculina resultou un recital de Samertoléu. Dominou con claridade aínda que Chapela e Tirán non lle perderon o ritmo. Moaña e Cabo da Cruz tiveron o seu duelo particular clasificándose 4º e 5º respectivamente. A próxima fin de semana celébrase o Campionato de España de traiñeiriñas para o que se clasificaron neste Autonómico, en principio, os tres primeiros de cada categoría, pero poden ser máis. Depende da participación de Asturias, Cantabria e País Vasco. Pero o nivel ofrecido en Esteiro polos equipos galegos, move seriamente ao optimismo.
Resultados: Absoluta feminina: 1.- Samertolaméu, 15.26:97; 2.- Chapela, 15.44:44; 3.- Mecos, 15.53:66; 4.- Tirán, 16.02:69; 5.- Bueu, 16.08:84.- Xuvenil masculino: 1.- Cabo da Cruz, 14.09:03; 2.- Chapela, 14.21:15; 3.-Amegrove, 14.35:53; 4.- Rianxo, 14.46:03; 5.- Esteirana, 15.06:72.- Absoluto masculino: 1.- Samertolaméu, 13.22:25; 2.- Chapela, 13.28:41; 3.- Tirán, 13.29:50; 4.- Moaña, 13.37:59; 5.- Cabo Cruz, 13.40:75.