A renuncia dun dos clubs que pertencen á categoría abre a porta ó equipo de Chapela de participar na división B. Tamén o equipo feminino agarda o ascenso á división nacional, e están á espera da decisión da Federación Española, que estuda ampliar a categoría con catro grupos. Todo nunha semana na que o presidente do club, Manuel González Soto, recibirá a distinción do Mérito Deportivo da Xunta de Galicia.
Por segundo ano consecutivo o Solla&Chapela non logrou clasificarse na fase de ascenso polo gol average en Antequera, pero aínda non están todas as alternativas pechadas. A posible renuncia dun dos equipos que milita na División de Prata abre a porta ó equipo redondelán para colarse na Liga B, e segundo o presidente Manuel González Soto, teñen “máis dun 50% de opcións” de facerse co ascenso. Agora a directiva traballa nesa xestión, e confían que sexa oficial no prazo de dez días. No club teñen total confianza nesta posibilidade, e xa traballan no deseño da próxima temporada pensando na División de Prata. En todo caso a “continuidade” é a principal aposta do club, que manterá maioritariamente o seu cadro de xogadores, e tamén ó técnico, Fran Teixeira. Tamén podería haber novidades no equipo feminino, que ten opcións de ascender a categoría nacional. Están pendentes dunha ampliación de prazas proposta pola Federación Española coa que se crearían catro grupos. Para Soto sería “un gran orgullo”, xa que se trata dun equipo “formado ao 100% na canteira” e serviría de homenaxe a Gerardo Méndez, o que fora o adestrador do combinado feminino e recentemente falecido. Distinción ao Mérito Deportivo A Xunta de Galicia incluíu ó presidente do Balonmán Chapela na lista das 37 persoas e entidades galardoadas coa distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2013. Un galardón que para Soto é o recoñecemento “a toda unha vida de traballo polo balonmán en Chapela”. O acto de entrega de premios celebrarase o vindeiro xoves, 30 de maio, no auditorio municipal de Ourense. Entre os premiados atópanse, entre outros, o Rally Rías Baixas, o Celta de Vigo de baloncesto feminino ou o púxil Iván Pozo. Estas distincións, concedidas polo presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, están reservadas a persoas e institucións que destacan polo seu labor a favor da promoción e o fomento do deporte e da educación física na Comunidade Autónoma galega.