A Danza das espadas e as penlas lucía esta fin de semana no Certame de bailes rexionais celebrado na capital guipuscoana e volverá facelo este xoves en Redondela na praza da Constitución. Unha cita para non perderse dentro das festas da Coca que segundo a tradición congregará a veciños e visitantes a unha da tarde no centro da vila.
Trinta e catro persoas desprazáronse na fin de semana a Euskadi convidados pola Casa de Galicia de Donosti para participar do Certame de bailes Rexionais que se celebraba na capital guipuscoana. Danzantes, burras e penlas amosaron a Danza das espadas a un público entregado no centro da cidade que gozaron dunha actuación que se volverá a repetir como é tradición, este xoves en Redondela. Logo de meses de ensaio -catro para as Burras e as penlas, mes e medio por parte dos danzantes- todo está preparado para que os bailaríns amosen a súa destreza e filigranas na Praza da Constitución baixo a atenta mirada de Kiko López e Roberto Alfonso. Un baile que sorprende a propios e estraños e que segundo conta a lenda é a escenificación da danza coa que os mariñeiros festexaron a derrota do terrible dragón da Coca. Un baile con elementos relixiosos e pagáns declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia. Unha tradición que ten o relevo asegurado. De feito, incluso se anima aos maiores a que abandonen para deixar paso a xente máis nova que tamén quere participar da Danza. E os máis pequenos teñen tamén a oportunidade de se iniciar grazas a iniciativas como a que esta tarde terá lugar no local social O Recuncho, onde o colectivo Senghasoil organiza un obradoiro de iniciación á Danza das Espadas aberto a nenos de calquera idade e completamente gratuíto que estará impartido por algún dos integrantes da Danza. A actividade arrancará ás 19:00 horas no local da rúa Reveriano Soutullo.