O campo da feira conta actualmente con 113 prazas de aparcadoiro, incluídas 4 para minusválidos. A reforma supuxo non só o asfaltado da zona, senón tamén unha reordenación das prazas, a circulación e os accesos ao aparcadoiro. Uns cambios que recollen eloxios e tamén críticas por parte dos seus usuarios.
Agora está permitida a entrada e a saída tanto desde a rúa Xeneral Rubín como desde a Avda. Ernestina Otero, un cambio que agradecen moitos dos usuarios deste estacionamento. Para algúns como Marta, agora é “máis cómodo”, da mesma opinión é Adelina, que vai máis aló e non aforra eloxios para o reformado aparcadoiro ao afirmar que está “xenial”. Outros en cambio non son tan entusiastas cos cambios, e sinalan que o aparcamento está “máis ou menos igual”, xa que o acceso que se gaña por Xeneral Rubín pérdese na rotonda da mesma rúa, como explica Pablo, que rexenta un quiosco na zona. De feito algúns usuarios son moi críticos coa eliminación do acceso ó aparcadoiro pola rotonda situada debaixo do “scalextric”. Luis Miguel advirte que agora os condutores procedentes de Cesantes ou Arcade deben acceder pola ponte á Avda. Ernestina Otero para entrar no aparcadoiro. Entende que este traxecto supón “un problema” na zona do Mercado Municipal, onde se rexistran moitas retencións nas horas punta. Ademais entende que ao eliminar este acceso a existencia da rotonda “non ten ningún sentido”. O que está claro é o que apunta Felicita, que é imposible facelo “ao gusto de todos”. Novo regulamento de circulación Os novos límites de velocidade e o uso do casco obrigatorio para ciclistas son os cambios máis polémicos do anteproxecto da nova lei de tráfico. Entre outras medidas aposta por unha velocidade máxima de 30 e 20 quilómetros por hora en moitas rúas de cidades e vilas e ampliar o límite a 130 quilómetros por hora nalgúns tramos de autoestrada. Aquí as valoracións por parte dos veciños de Redondela son bastante unánimes: o incremento nas autoestradas é considerado algo razoable, e a redución nos centros urbanos parécelles “esaxerada”. Mari Carmen entende que ademais suporá “retencións e máis atascos”. Da mesma opinión é Begoña, que considera “excesivo” o límite nas zonas urbanas. En todo caso, os condutores agardan que os límites se establezan “en función das características da rúa”, e que non se poña en todas a mesma velocidade por norma, como explica Emilio, que tamén apela “a responsabilidade” de cada condutor á hora de circular a altas velocidades pola autoestrada. Marta ten outra visión, e entende que os cambios están pensados para “facer negocio”. No caso das autoestradas para que as concesionarias aumenten a recadación, e na redución das vías urbanas para recadar máis en multas. Outros restan importancia á medida, e advirten que o maior problema en rúas urbanas como o centro de Redondela non é o límite de velocidade, senón a falta de espazo para circular por culpa dos coches que están mal estacionados. Pablo sinala que xa se teñen dado situacións graves cos vehículos de emerxencias. No caso da obrigatoriedade do casco para os ciclistas en todos os desprazamentos, en xeral os cidadáns entenden que se trata de algo “positivo”, xa que pode evitar lesións graves en caso do caída, como apunta Mari Carmen. Da mesma opinión é Begoña, que defende que todo o que sexa aumentar as medidas de seguridade é positivo. Tamén Emilio defende este cambio na normativa para evitar lesións graves, aínda que recoñece que o uso do caso “pode ser incómodo”. O propio concelleiro de Deportes, Jesús Crespo, salienta a importancia do uso do caso como medida de protección, e é partidario de que se faga obrigatorio en todos os traxectos. O Goberno aínda non presentou sequera o anteproxecto de reforma da Lei de Seguridade Viaria, pero as novidades presentadas pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) achega do novo regulamento de circulación mobilizaron a organizacións partidarias, detractores e partidos da oposición. Por iso, o Executivo anunciou a celebración dun relatorio no seo da Comisión de Seguridade Viaria na que se escoite a todos os expertos na materia e se poidan orientar as decisións finais.