Despois do ascenso á Terceira división a xunta xestora que dirixe o club fai balance da extraordinaria campaña que veñen de deixar atrás. Ós éxitos deportivos en todas as categorías súmase unha boa xestión económica, que conseguiu rebaixar a débeda do club en 20.000 euros. Agora piden o apoio dos afeccionados para ampliar a súa masa social.
A día de hoxe o club conta con 278 socios, pero confían en chegar ata a cifra de 500, tendo en cota a ilusión coa que se viviu en Redondela o ascenso do equipo a Terceira despois de 30 anos. Iván Crespo, presidente da Xunta Xestora, entende que son moitos os motivos para que os veciños “se volvan a enganchar” ó C.D. Choco. A temporada pasada superáronse todas as espectativas a nivel deportivo, non só no equipo senior, senón tamén cos xuvenís, que ascenderon a Nacional, e nas caegorías inferiores tamén se acadaron excelentes resultados. Agora o obxectivo é volver a facer un equipo competitivo cun orzamento “moi humilde”. Haberá moitas caras novas xa que se deron moitas baixas: Pasu, David, Julio, Javi, Adrián Buján ,Arias, Ero e Dieguito, e por diferentes motivos deixan o club Óscar Blanco e Chus. O equipo terá que contar con novos reforzos, e para iso contan co adestrador Jacobo Montes, no que confían unha temporada máis. Xa hai contactos con moitos xogadores, pero de momento non se confirmou ningunha incorporación. Crespo explica que tentarán pelexar na Terceira para manter a categoría “pero sen perder a cabeza” facendo fichaxes que poidan poñer en perigo a estabilidade económica do club. De feito Crespo comprométese a seguir rebaixando a débeda do club, que actualmente está nos 40.000 euros, o que supón 20.000 euros menos que cando tomaron as rendas da entidade. Por iso o apoio do comercio local e dos socios, ademais das administracións, é fundamental. Na última asemblea aprováronse os prezos para os abonos de socio da temporada 2013-13, que será de 70 euros para os adultos, 50 euros para padados e xubilados e 40 euros para os menores de 25 anos. Ademais establécense descontos para as familias.