O cambio no trazado da A-57 supón recuperar a coñecida como alternativa 11 que discorre entre Pazos de Borbén, Os Valos e Peinador en detrimento do trazado que partiría dende Vilaboa e afectaría de cheo á parroquia de o Viso (alternativa 5). O cambio no trazado saiu adiante cos únicos votos a favor dos populares.
Cinco anos despois de que o Ministerio de Fomento adxudicase os proxectos de trazado e construción da autovía A-57 e tras dous anos da aprobación do seu itinerario, a Xunta de Galicia solicitará formalmente o cambio de percorrido do trazado ideado para conectar os arredores de Pontevedra coa rede arterial de Vigo e o alto do Confurco, logo de que así se aprobase no parlamento cos únicos votos a favor dos populares.
Unha demanda que tamén ten feito o actual parlamentario e ex voceiro do PP en Redondela, Alberto Pazos, quen engade que “a alternativa 11 é a que defende o seu partido para conectar a A-57 con Vigo en todas as administracións e que ademais conta co apoio da propia titular de fomento, Ana Pastor”. O texto aprobado pide “modificar o trazado que discorre pola parroquia de Vilar para así reducir as afección e prexuízos que xera no termo municipal de Redondela”
Dende a oposición o socialistas Manuel Gallego Lomba, cuxo grupo se abstivo, defendeu unha conexión directa e reprobou a desviación que propoñen os populares. Pola súa banda tanto BNG como AGE amosaron a súa oposición ao proxecto. O voceiro de AGE, David Fernández Calviño propuxo “non construir esta autovía” por considerala innecesaria e avogou por dirixir os recursos ao rescate da AP-9 e a mellora das conexión de ferrocarril entre Pontevedra e Vigo, mentres a nacionalista Ana Pontón atribuíu a proposición do PP á intención de lavar a cara ao Ministerio de fomento e ao goberno de Redondela.