O domingo 16 dentro do curso “Persoas e territorio. Ferramentas para coñecer o noso medio”, organízase unha saída a Monte Penide coa finalidade de falar sobre o territorio, a memoria e os restos arqueolóxicos. Ao longo dun paseo de 2 horas e media os participantes observarán diferentes achádegos arqueolóxicos e aprenderán a ver no territorio os elementos que nos poden indicar a súa presenza. De forma paralela, introducirase a temática da memoria como elemento consubstancial ao territorio.
O obxectivo do curso que organiza o Centro Social a Miñoteria e imparte a Cooperativa Trespés é fornecer as persoas asistentes de instrumentos teórico-prácticos para interpretar o territorio. As sesións son eminentemente prácticas e inclúen a explicación in situ de diversas temáticas.
Nesta ocasión, a sesión con visita a Monte Penide está aberta a todo o público. Aquelas persoas que non estean matriculadas no curso deberán abonar 2 euros. A cita é o domingo 16 de xuño ás 10:00 diante do Cruceiro de Cedeira, preto do Colexio Público, para logo ir xuntos en coche ata o Monte Penide.