Achegarse á música dun xeito diferente ao tempo que se realizan outras aprendizaxes e actividades é o obxectivo do San Simón Fiddle Camp que entre os días 9 e 15 de xullo se vai desenvolver na Illa. Un completo programa do que poderán gozar medio cento de rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos. Coas prazas practicamente esgotadas a inscrición continúa aberta no enderezo sansimonfiddle.blogspot.com.
Os participantes desta experiencia que se vai desenvolver en San Simón durante os días 9 e 15 de xullo achegaranse ao violín dun xeito diferente, deixando de lado as ensinanzas regradas que reciben durante o curso e participando da aprendizaxe de cantigas populares, da percusión e o baile tradicionais e gozando tamén douto tipo de actividades relacionadas co mar, a lectura e os xogos. A actividade musical está orientada, segundo explica o director do festival Alfonso Franco, a potenciar o emprego dos instrumentos de corda dentro da música tradicional, co fin de que poidan descubrir outra maneira de relacionarse co seu instrumento que lles permitirá gozar facendo música independentemente de cal sexa o seu nivel técnico. No noso curso de verán a música é transmitida oralmente, prescindindo de partituras e agudizando a capacidade de retentiva musical dos rapaces, quen tras uns días na illa serán quen de aprender unha melodía en poucos minutos. Un programa que se completa con obradoiros do máis variado, que van dende a elaboración de xabrón reciclado, á astronomía pasando pola creación de máscaras e disfraces. Un completo e variado programa de actividades que malia o seu prezo, 400 euros por persoa, conta co favor do público que practicamente esgotou o número de prazas cando aínda restan máis de 15 días para a súa celebración. Con todo, mantense aberto o prazo de reserva no enderezo sansimonfiddle@gmail.com e no teléfono: 625 581 365 (entre as 11 e as 14 horas).