Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alejandro Otero xa ten a súa praza en Redondela

RR_Noticias

O ilustre médico e político redondelán foi lembrado no día no que se cumprían 60 anos da súa morte en México cun programa de actos que arrancaba ás 20:00 horas de onte no cemiterio de Os Eidos cunha ofrenda floral, o descubrimento dunha placa na que fora a súa casa natal na rúa Reveriano Soutullo e a inauguración dunha praza co seu nome nas inmediacións da praza de Ribadavia.

Ducias de persoas acompañaron aos membros da corporación municipal, da Asociación Alejandro Otero e aos familiares do homenaxeado no programa de actos que iniciaba onte as celebracións que durante este anos se van desenvolver en Redondela en torno ao ilustre médico e político redondelán logo de ser elixido Persoeiro do ano 2013. Uns actos que arrancaban cunha ofrenda floral no cemiterio de os Eidos, lugar no que repousan os restos mortais de Alejandro Otero logo de que foran trasladados dende México no ano 1955 tal e como lembraba o alcalde Javier Bas. Na súa intervención, o rexedor fixo un percorrido pola súa biografía, salientando os seus logros como xinecólogo e docente e lembrando tamén a súa traxectoria política como membro destacado do PSOE e integrante do goberno da República no exilio. Con todo, houbo tamén oco nos discursos para as anécdotas, lembrando que nun encontro con Einstein, Alejandro Otero ofreceulle unha comida onde “se preparou unha mariscada ao estilo redondelán, seguindo a receita da súa irmá Rita Otero”. Remataba o seu discurso Javier Bas apuntando que a figura de Otero conta con numerosos recoñecementos na Univesidade de Granada “onde hai unha cátedra que leva o seu nome” e na propia cidade andaluza “cunha rúa dedicada a súa persoa”, recoñecementos que se completan agora en Redondela coa placa que lembra a vivenda na que Alejandro Otero naceu e viviu os seus primeiros anos de vida e o nomeamento dunha praza na súa honra. Non faltaron a estes actos os membros da asociación Alejandro Otero. O seu presidente, Isaac Araujo cualifiou estes actos de recoñecemento obrigado para un “home que foi fiel aos seus ideais”, adiantado ao seu tempo como político, médico e docente. Destacou as súas achegas no ámbito profesional “como introductor do uso das luvas na medicina” e tamén como político “sendo o artífice da creación do seguro de maternidade para a muller traballadora”. Un redondelán “orgulloso de selo, que non puido ver o regreso da democracia ao seu pais”. Pola súa banda, María del Carmen San José, membro tamén da asociación fixo un pequeno discurso en verso destacando a nobreza e o valor do homenaxeado. O último en intervir foi o sobriño de Alejandro Otero, Pedro Regojo, quen achegou aos asistente unha imaxe máis persoal do homenaxeado lembrando anécdotas como o feito de que tan só dous anos antes de morrer e ante a inminente visita dos seus parentes redondeláns o único que lles pediu que lle levaran foi “un saquito con tierra de Redondela”. Finalmente fixo un chamamento para que todos os políticos remen no mesmo barco e que Redondela sega a ser un pobo de xigantes.  

Javier Bas alcalde
O rexedor fixo un percorrido pola vída e obra de Alejandro otero
Isaac Araujo Asociación Alejandro Otero
Salientou as súas achegas no ámbito profesional político e social
Mª del Carmen San José Asociación Alejandro Otero
Unha orixinal intervención en verso
Pedro Regojo sobriño do homenaxeado
Centrou o seu discurso no ámbito máis familiar de Alejandro otero

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará