A cita será o domingo, desde as 10.00 horas, e xa se superaron todas as previsión en canto á participación de corredores. Serán un total de 525 adultos e 300 nenos os que tomen a saída diante da Casa do Concello. Para os sénior o percorrido será de 6.500 metros, e para os rapaces entre 50 e 1.500 metros segundo a idade.
As rúas do centro urbano da vila e as estradas da contorna serán o escenario da carreira, na que agardan a participación de 825 atletas. O presidente do Club de Atletismo de Redondela, Francisco Otero explica que se trata dun percorrido “asequible” para todos os públicos xa que non conta con desniveis importantes, e “moi rápido”, xa que os máis veloces poden completalo nuns 18 minutos, e os máis lentos non superan os 35 minutos. Unha das figuras participantes na proba será Alejandro Gómez, fondista vigués que atesoura varias marcas na modalidade de cross. Tamén contarán con outro gran atleta en activo, Pedro Nimo, pero neste caso non será como corredor senón como “speaker”, xa que será o encargado de retransmitir e animar a carreira. A proba tamén ten fins solidarios, posto que unha parte dos fondos recadados doarase á asociación “Lenda” de atención a persoas con enfermidades mentais. Os gañadores, ademais de recibir un trofeo, serán agasallados tamén cunha viaxe pola ría con visita á illa de San Simón e unha comida no Hostal Antolín. A proba está organizada pola Asociación Deportiva C.A.R. En colaboración co Concello de Redondela.