Hai século e medio tal día como hoxe comezaba a traballar Juan Ruiz, o primeiro policía local de Redondela. Entraba en nómina o 1 de xullo de 1863 logo de que o servizo fora creado baixo o mandato do alcalde Genaro Borines e durou no cargo tan só catro anos.
Roberto Gil e Gonzalo Amoedo, autores do libro “Arredor de nós : historia da policía local 1863-2003” atoparon este dato logo de moito pescudar no arquivo municipal e no arquivo da Deputación de Pontevedra. Cinco anos de procura que lles serviu para datar o día no que comezou a funcionar un servizo municipal que conta a día de hoxe con 30 efectivos. Era o 1 de xullo de 1863 cando o goberno local presidido polo alcalde Genaro Borines contrataba a Juan Ruiz cun soldo de 1.500 reais anuais. Unha contratación que respondía á necesidade de dotar o concello de Redondela “naquel momento o terceiro máis importante da provincia” segundo declaracións de Roberto Gil dun servizo de seguridade diurno que se completaba en horario nocturno coa labor de dous sereos que percorrían a rúas.