Logo de dous meses intensos dende que comezara o pasado mes de maio o servizo gratuíto de barco a San Simón, a Illa continuará recibindo visitas durante este mes de xullo. Unha actividade da que se poderá beneficiar todo o que o desexe, previa inscrición na Caseta de Turismo ou na páxina web do Concello.
Os que queiran visitar a Illa de xeito gratuíto e gozar ademais das explicacións dun guía profesional, poden elixir entre saír dende Chapela ou Cesantes.
As persoas interesadas deben inscribirse previamente, ben achegándose persoalmente á Caseta de Turismo na Alameda de Redondela, chamando ao teléfono 9086 401713 ou facendo a reserva online a través da páxina web do Concello de Redondela.
Neste mes de xullo haberá barcos dende Cesantes todos os mércores ás 16:30 horas e no mesmo horario os venres 5, 12 e 19. Na fin de semana haberá tamén saídas dende Chapela, será os sábados en horario de mañá ás 11:30 horas e dende Cesantes ás 16:30. Tamén as catro e media da tarde haberá saídas dende Cesantes os domingos 7 e 14 de xullo.
O interese dos veciños e visitantes por visitar este espazo é patente como así o amosa o feito de que cada fin de semana os barcos cubran todas as prazas.