Esta tarde de martes é a data fixada polo corpo técnico dos redondeláns para poñer o inicio aos preparativos da temporada 2013/14. O club mantén ao cadro de xogadores da pasada liga e tamén aos adestradores. Ata que comece a competición oficial da Liga Autonómica mediranse a rivais de maior entidade como o Leis de Pontevedra, o Bembrive e o IES Coruxo.
O presidente do club e adestrador, Julio Mougán, anunciou que o día 24 deste mes será o partido co Leis (de Terceira) e o sábado día 31 o encontro “estrela” disputarse en Redondela fronte ó Bembrive, de Segunda B. Xa en setembro xogarán co Coruxo e co campión da Liga Autonómica da pasada temporada, o Talleres ABC Vigo. De aquí ó inicio da Liga Galega Autonómica, que se espera para o 21 de Setembro, farán máis de 20 sesións de adestramento. O obxectivo é facer unha preparación esixente para afrontar a liga con garantías, xa que buscan mellorar a súa situación na táboa da pasada temporada e colocarse nos postos altos da táboa.