Agárdase unha intensa fin de semana en Redondela, cargada de actividades lúdicas e deportivas. Ademais da celebración do entroido estival, a vila será tamén escenario da volta ciclista en dúas etapas, o domingo e tamén o luns. Ademais o domingo celébrase a Festa das Angustias. Eventos, todos eles, que obrigarán a pechar ao tráfico as rúas da vila. A concellería de Tráfico recomenda estacionar nos aparcadoiros de Vilavella e a Marisma, e evitar os accesos ó centro da vila.
O Entroido de Verán, no que se agarda a participación dunhas 20.000 persoas, comezará mañá sábado ás 17:30 horas. Para os nenos con actividades na Praza da Casa da Torre e para o público xuvenil e adulto no recinto do Campo da Feira. Con tal motivo o tráfico cortarase no Centro de Redondela desde as 15:00 horas nas rúas centrais Alfonso XII, Xeneral Rubín e Ribeira, xa que a zona infantil quedará instalada entre a praza de Ribadavia e Alfonso XII. Xa o domingo Redondela volverá ser por segundo ano consecutivo un dos municipios polos que pase a Volta a España de Ciclismo. Desde as 13.30 cruzaran o concello os mellores ciclistas do momento. O pelotón entrará no municipio por Soutoxusto discorrendo polas rúas Xeral Rubín, Riveira, Alfonso XII, praza de Ribadavia, José Regojo, Pai Crespo, Praza de Ponteareas e Estrada de Vigo , Alto da Encarnación e Avda de Vigo en Chapela. O cambio do trazado da etapa do luns (Vigo-Vilagarcía), que eliminou o paso pola ponte de Rande, fará que o luns os ciclistas repitan o seu paso por Redondela, pero en sentido contrario que o domingo. Entrarán por Chapela e sairán por Soutoxuste, dirección Vilaboa para chegar ao seu destino final que é Vilagarcía. A chegada a Redondela será sobre ás 13.25 horas, e os que desexen achegarse deben ter en conta que o tráfico se cortará nas rúas centrais desde as 11:00 horas e o acceso a Redondela a partir das 13:00 horas. A circulación volverá á normalidade unha vez finalizado o paso de toda a caravana. Lembrar que tamén o domingo se celebra en Redondela a Festa das Angustias que ten lugar en Santa Mariña, o que suporá tamén o corte de tráfico na rúa Picota , Loureiro e Cruceiro a partir das 11:00 horas, renovándose de novo ao redor das 14:30 horas.