Doce anos despois de que este espazo na zona de A Marisma deixase de se empregar como vertedoiro municipal, a Agrupación de Electores solicita que dende o goberno local se realice un estudo definitivo sobre a situación do lugar e se elabore un proxecto de aproveitamento público do mesmo. A proposta será debatida este xoves día 5 no pleno municipal.
Unha sesión na que AER solicita ademais as comparecencias do Concelleiro de Interior, do edil de medio Ambiente e do propio alcalde. No primeiro dos casos demandan do responsable de interior, Arturo González, que dea explicacións sobre os medios cos que conta o concello para afrontar eventuais lumes forestais cando nos atopamos en época de alto risco de incendios así como das xestións feitas ante a Xunta de cara á contratación de persoal para a contratación dunha brigada de prevención e defensa contra os lumes.
Solicitan tamén a comparecencia do edil de Medio Ambiente, Miguel Angel Alvarez Ballesteros para que explique o traballo desenvolvido pola súa concellería ao longo deste mandato en relación con temas tales como a depuradora, os vertidos, as antenas de telefonía móbil, a cementeira ou as obras do AVE.
Finalmente reclaman a comparecencia do alcalde Javier Bas en relación aos reparos que o departamento de intervención ten presentado en relación coa execución dos orzamentos do 2012, reparos que dende AER consideran “excesivos e que supoñen todo un récord”.