A sala II de exposicións do Multiusos da Xunqueira alberga, até o 15 de setembro, unha exposición do creador redondelán na que se fai un percorrido a través de imaxes da súa traxectoria como deseñador de traxes de Entroido ou carrozas.
A exposición dos seus traballos mostra algúns dos disfraces da súa autoría, unha colección de fotografías coas súas creacións, un vídeo resumo da súa traxectoria como deseñador, recortes de prensa e elementos dos seus vestidos, pois nalgúns casos a súa reprodución íntegra non é posible debido ás súas dimensións (algúns chegaron a medir 5 metros e mesmo incluían rodas). Os materiais empregados nas súas creacións abranguen os máis diversos formatos e materiais, e neles destacan o uso de cartón, abelorios, purpurina ou acetato. “Sol de Kalahari”, “Cánticos de dioses” ou ol “Moucho de Sargadelos” – inspirado nesta cerámica galega -, son tres dos títulos dos seus deseños. A súa confección implica a moitas persoas, entre as que están as persoas que teñen que levalos nos desfiles, mais a idea e a concepción do deseño é toda froito da súa imaxinación. A exposición tamén inclúe fotografías dalgunhas carrozas de Reis, nas que todo o conxunto é da súa autoría (carroza, vestidos, maquillaxe, coreografía,..). A exposición poderá visitarse de luns a venres, de 9.00 a 13.30, e de 16.00 a 21.00 h até o 15 de setembro.