O edificio construído en Cesantes, obra dos arquitectos Ángeles Santos e Carlos Martínez, é un dos 11 traballos escollidos nos galardóns que fixo oficiais o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Un recoñecemento á arquitectura moderna e funcional dun edificio público que non deixa de estar exento de polémica, xa que malia estar rematado aínda non entrou en servizo, e acumula un atraso de 2 anos.
O xurado dos premios, convocados polas delegacións de Pontevedra e Vigo do COAG, destacou a calidade das 53 propostas presentadas a esta XI edición dos Premios Gran de Area á Arquitectura 2013. O Centro de Día Residencial de Cesantes comparte o galardón co Centro Cultural de Lérez, do arquitecto Jorge Rodríguez, unha adega en Nigrán, a reforma da lonxa e a estación marítima de Vilanova de Arousa, de Pablo Menéndez, unha vivenda en Vilagarcía, de Wenceslao López e Alberto Reiriz e outras vivendas en Saiáns, outra no casco vello de Vigo e unha reforma nun piso vigués, a cargo de Antonio Soliño, Perfecto Cendón e Javier Vázquez e Alfredo Sirvent, respectivamente. Completan a listaxe de galardoados desta edición unha nave industrial Nexoted no Polígono Industrial de Veigadaña, en Mos, por Ignacio Hortas López, e un pavillón de celebracións no Pazo de Cea, en Nigrán, dos arquitectos Villacé & Cominges SLP.
Atraso na posta en funcionamento
O Centro de Día Residencial de Cesantes, ademais de presumir dunha excelente ubicación e arquitectura, é tamén un servizo “moi necesario para a poboación”, tal como lembrou recentemente o grupo municipal do BNG. O pasado mes de agosto a edil nacionalista Cecilia Pérez solicitou por escrito ó goberno local información sobre a posta en marcha destas instalacións, que acumulan un atraso de dous anos. Logo da visita a Redondela da conselleira de Servizos Sociais, Beatriz Mato, o Bloque esixiu ao alcalde Javier Bas “un compromiso en firme” por parte da Xunta sobre a data de apertura das instalacións, que xa se están a deteriorar. O Centro de Día ten capacidade para atender a 51 usuarios, 21 en prazas de carácter residencial e 30 no centro de día. O edificio sitúase nun solar de 2.984 m2, e ten unha superficie construída de máis de 1.500 m2, distribuídos en planta de soto, baixa e alta.