O BNG organiza unha charla ás 20:30h sobre a situación dos emigrantes retornados aos que a Axencia Tributaria estalles a impor multas de ata 20.000 por non ter declarado as pensións que recibiron dende outros países. O acto será na Casa da Cultura e contará coa presenza da deputada Olaia Fernández.
A charla quere poñer sobre a mesa a problemática creada cos emigrantes retornados ao seren obxecto de agresións por parte de quen, en teoría, debería defender os seus dereitos xa que segundo denuncia o BNG “o ministerio de Facenda está a lles impor multas a máis de 20.000 galegos que se viron forzados a traballar fóra do País”. Aseguran que como no caso das preferentes estanse a producir “verdadeiros dramas familiares” logo de que a Axencia Tributaria abrise unha vía de investigación específica sobre as pensións estranxeiras que está a revisar dende o ano 2008, último ano non prescrito, e cursando sancións a centos de xubilados galegos por non telas declarado, ben por descoñecemento ou por información errónea.
Neste sentido o BNG presentará no vindeiro pleno municipal unha moción na que se pide que “o concello se posicione na defensa destes veciños que están a ser maltratados polo propio estado”.
Para analizar esta cuestión no acto que se celebra esta tarde ás 20:30 horas na Casa da Cultura contarase coa presenza da deputada Olaia Fernández, quen exporá aos asistentes as posíbeis vías de negociación para so afectados.