Os de Julio Mougán aspiran ao máis alto e o obxectivo é superar a 5ª posición acadada na pasada liga. E teñen motivos para seren ambiciosos: unha pretemporada na que se mediron a equipos de alto nivel e un comezo ligueiro cun empate diante do club máis goleador da pasada temporada. A próxima cita será tamén de máxima esixencia, na pista do Talleres ABC Vigo, os actuais campións.
Para o adestrador redondelán o conxunto vigués é o claro favorito para revalidar o título, pero advirte que o Redondela F.S. “non ten nada que perder” e que traballarán para poñerlles as cousas “o máis difíciles que sexa posible”. O equipo vén avalado polos excelentes resultados da pasada temporada, sobre todo na segunda volta, e unha “notable melloría” nos aspectos técnicos e tácticos, froito do traballo de adestramento “semana tras semana”. Deporte base Actualmente o Redondela F.S traballa intensamente coas categorías inferiores, xa que o deporte base é unha das maiores preocupacións do club. Contan cos equipos de Benxamíns A e B, Infantil, Alevín A e B, Cadetes e os Senior, en categoría Provincial e Autonómica. Grazas á liña de colaboración con Casa Paco están a fomentar este deporte base, e confían en que a curto prazo xa poidan ofrecer esta modalidade deportiva para todas as categorías. Actividades paralelas Lonxe de limitarse á práctica do fútbol sala, o club redondelán está a implicar á sociedade noutro tipo de actividades deportivas, culturais e lúdicas. Logo do campus polideportivo e o concurso de fotografía organizado este verán, agora veñen de presentar a súa nova páxina web www.redondelafs.com, na que ofrecen todo tipo de información sobre e o club e as actividades de todos os seus equipos. Tamén a través da web se pode participar nun concurso para poñer nome á mascota do club. Poden facelo ata o día 30 deste mes de setembro e gañar unha camiseta do Redondela F.S.