Os de Jacobo Montes levaron os tres puntos do Condús tras gañarlle ao Dorneda nun partido tolo que rematou cun marcador de 2-3. Na Segunda Autonómica Choco B, Arcade e Soutomaior empataron os seus encontros e na Terceira Autonómica todos os equipos locais sumaron vitorias.
Terceira División
Dorneda 2-3 Choco
O obxectivo do Dorneda era poñer fin á serie de catro derrotas consecutivas, pero non foi quen de superar ós redondeláns. O Choco foi o primeiro en anotar, Róber aproveitou unha mala saída de Diego para ceder o balón a Albert, e o dianteiro só tivo que empurrar o balón para facer o 0-1. O cadro de Oleiros tentou a igualada, que chegou no minuto 44, cun disparo de Héctor desde fóra da área que sorprendeu a Cortegoso. Co 1-1 chegaríase ao descanso. Na continuación os de Jacobo Montes dominaron o partido, houbo unha clara ocasión de Róber que detivo o meta local, e loho foi o Dorneda o que sorprendeu á contra cun penalti de Cortegoso a Cheki no que os locais reclamaron ademais expulsión. Só viu amarela, e Cristian Paz puxo o 2-1 desde o once metros no minuto 54. Pero o Choco seguiu tentándoo, e logrou a igualada só cinco minutos máis tarde, tras un saque de banda rematado por Róber. Co 2-2 o partido estivo máis aberto, moi tolo, e con opcións para os dous equipos. Pero foron os redondeláns os que marcaron o 2-3 nunha rápida contra culminada por Yeray de tiro cruzado (minuto 80). O resultado deixa ó Choco na 8ª posición da táboa, con 10 puntos. Na próxima xornada volven xogar fóra, e farano nun duelo de máxima esixencia na cada do líder, o Cerceda.
Segunda Autonómica
Choco B 2-2 San Esteban
Era un partido con moita expectación xa que os dous equipos están chamados a loitar por estar na zona alta da clasificación. Os de Redondela puxéronse diante no marcador pero os de Beade remontaron, e logo o filial do Choco acadou o empate no tempo de desconto. O resultado deixa ós redondeláns na cabeza da clasificación, empatados a puntos con Gondomar e A Guía. A próxima xornada xogan no campo do S. Miguel, da metade da táboa.
Arcade 1-1 Soutomaior
Partido de gran rivalidade entre os dous equipos locais que se resolveu a balón parado cun gol para cada conxunto. Marcaron Víctor para o Arcade e Oliver para o Soutomaior. O resultado déixaos empatados a puntos na metade baixa da táboa. Na próxima xornada o Soutomaior recibe ó Vilagarcía, cun punto menos, e o Arcade xoga no campo do Bueu, que suma un punto máis.
Terceira Autonómica
Cesantes 2-0 Monteporreiro
O Cesantes sumou a súa primeira vitoria na segunda xornada de liga diante do Monteporreiro, o que os leva ata a metade alta da táboa. A próxima xornada xogan no campo do Vilaboa, 3º clasificado.
Chapela 2-1 Coruxo B
Comezou a liga nos G-16 e G-17 con vitorias para os equipos locais e da bisbarra. O Chapela, cun cadro de xogadores moi reforzado este ano, foi superior ó filial do Coruxo, que presentaba moitas baixas. Na próxima xornada o Chapela xoga no campo do Mosende, que comezou con derrota.
At. Vilar 1-0 Sta. Eulalia
Tamén arrancou a liga con vitoria o Vilar, que se sitúa na 5ª posición da táboa. A próxima xornada xogan no campo do Fortuna, pechacancelas do grupo logo desta primeira xornada.
Areas B 0-5 Nespereira
O Nespereira, moi superior en veteranía e xogo, gañou por goleada a domicilio no inicio da liga. Son líderes do G-17 e na próxima xornada reciben ó Atios B, co que están empatados a puntos.