O cesamento da actividade está previsto para o próximo 25 de outubro, e afecta á sucursal da rúa José Regojo, xunto con outras 21 oficinas do resto de Galicia. Os clientes da entidade serán atendidos nas dependencias do Banco Santander, na rúa Alfonso XII.
A dirección do Santander comunicou xa aos representantes dos traballadores que, froito da fusión con Banesto, levará a cabo o peche de 22 oficinas na comunidade galega, un cesamento da actividade que está previsto para o próximo 25 de outubro. Segundo a relación de sucursais que baixarán a persiana, o peche afectará á oficina de Banesto en Redondela, xunto coas do Porriño, Baiona, A Guarda, O Grove, Viveiro, Allariz, Sarria, Burela, Sobradelo de Carballeda (Ourense), Ribadeo, Cambre, As Pontes, O Milladoiro (Teo) e Ordes. Trátase de 15 das 22 que prevén clausurar. As outras están nas cidades galegas. Tres en Vigo (nas rúas Pescadores, Coruña e Gran Vía), unha en Pontevedra, outra en Ferrol e dúas na Coruña, segundo os datos que facilitou a entidade aos sindicatos. En Santiago de Compostela, onde Santander e Banesto ocupan dous locais da praza de Galicia, non se prevé polo de agora ningunha reestruturación. Fontes sindicais revelaron que gran parte do axuste de persoal que provoca o peche destas oficinas resolveuse mediante algunha recolocación e, sobre todo, cun proceso de prexubilacións e baixas incentivadas. O pasado 28 de xuño concluíu o período para acollerse ao plan de baixas incentivadas ao que se sumaron xa no conxunto de España uns 300 traballadores. A iso habería que engadir uns 650 que decidiron prexubilarse. O obxectivo do grupo Santander é ter pechadas 700 oficinas a finais do 2014, o que supón adiantar case un ano o plan de reestruturación que estaba previsto tras a fusión con Banesto. O aforro previsto é de 500 millóns de euros ao longo de tres anos.