O profesor Xosé Couñago será o encargado da charla “Os nomes de lugar, patrimonio inmaterial da parroquia” que se impartirá esta tarde ás 20:30 horas no centro cultural de Vilar de Infesta. Unha actividade organizada por Normalización Lingüística e que serve para solicitar colaboración dos veciños no traballo de recuperación da toponimia que está a desenvolver este departamento.
Un monumento de palabras. Xosé Couñago fai súa a definición de Gonzalo Navaza cando se refire aos nomes de lugar. Un patrimonio inmaterial que está a desaparecer cos máis vellos do lugar e que dende o departamento de Normalización Lingüística queren recuperar nas parroquias do concello. Para solicitar a colaboración de todos os veciños nese traballo de recuperación e transmitir tamén a importancia de conservar esa microtoponimia que “amosa a singular vinculación entre o home e o territorio dende hai milleiros de anos” esta tarde terá lugar en Vilar de infesta un relatorio baixo o título “os nomes de lugar, patrimonio inmaterial da parroquia”, unha charla na que se convidará aos asistentes a colocar nas súas vivendas e leiras o nome que tradicionalmente se lles daba a eses lugares. Falarase tamén de singularidades propias de Vilar, lembrando cal é a orixe do nome da parroquia ou mergullándose no significados dos nomes de diferentes zonas. Asistirán tamén a esta charla membros da cooperativa Trespés, que explicarán como se vai desenvolver o proceso de recollida que vai ter lugar en Cabeiro e Vilar nas vindeiras semanas. Solicitarán a implicación dos veciños como informantes de primeira man en todo este proceso de posta en valor dos nomes de lugar.