Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco perde por primeira vez como local no Graciano Padín diante do Vilalbés

RR_Noticias

Os lucenses foron superiores ó conxunto de Jacobo Montes, que non soubo adaptarse a un terreo de xogo encharcado. Alvarito e Poratti anotaron para os visitantes e Saúl recortou distancias para o Choco, que non puido superar o 2-1. Máis sorte tiveron os equipos locais da Segunda Autonómica con vitorias do Choco B, o Soutomaior e o Arcade.

Terceira División
Choco 1-2 Vilalbés
Os redondeláns volveron xogar como locais no Graciano Padín de Soutomaior, por mor das obras de reforma no Campo Municipal de Santa Mariña. A situación do terreo de xogo, encharcado, prexudicou aos de Jacobo Montes, que non se adaptaron ben a esta condicións. Os lucenses puxéronse por diante cun tanto de Alvarito que rematou no primeiro pau un bo centro de Óscar Martínez. Xa ao comezo da segunda parte, unha falta sacada por Justino foi aproveitada por Poratti para pór máis distancia no marcador a favor dun Vilalbés que, a partir de entón, limitouse a aguantar o marcador. A pesar de que o Choco acurtou distancias cun golazo de falta de Saúl, non foron quen de rescatar algo positivo nos últimos dez minutos nos que acosaron ao Vilalbés na súa portaría. A derrota leva aos de Montes ata a 12ª posición da táboa. A próxima xornada xogan no campo dun dos pechacancelas, o Grixoa.
Segunda Autonómica
Santa Mariña 0-7 Choco B
Goleada espectacular do filial do Choco, que dominou de principio a fin o encontro co Santa Mariña. Os locais tentaron a remontada dun xeito desesperado, e dous xogadores foron expulsados con tarxeta vermella directa. A vitoria leva ao Choco ata a 5ª posición da táboa. A próxima xornada recibe ao Apóstol, que é 9º.
Chispa 0-4 Soutomaior
O pequeno campo do Chispa foi favorable para o Soutomaior, que foi superior ós locais e goleou ó Chispa. O Soutomaior queda así na 12ª posición do seu grupo. O domingo recibirán na casa a un dos equipos máis fortes do campionato, o Zacande, 2º clasificado.
Arcade 1-0 Marín B
O Arcade gañou pola mínima ao Marín. Álex, a falta de 15 minutos para o final, marcou o único gol do partido. Os tres puntos deixan ó Arcade na metade alta da táboa. A próxima xornada xogarán en Noalla, equipo que suma un punto máis ca eles.
Terceira Autonómica

Cesantes 2-2 San Andrés
Reparto de puntos que deixa ao Cesantes na metade alta da táboa. A próxima xornada xogan no campo do Campañó.
Chapela 0-3 Arenas Alcabre
O Chapela non foi quen de superar os envites dos vigueses, que anotaron en tres ocasións con tantos de Moi, Cuevas e Guiller. A derrota fai que o equipo redondelán baixe da 5ª á 7ª posición na táboa. A próxima xornada xogan no campo do Montecastelo, un dos pechacancelas do grupo.
Pereiró 7-0 At. Vilar
Os vigueses golearon ao Vilar, que con todo mantense na parte alta da táboa. Na próxima xornada xogan como locais diante dun dos equipos que lideran o grupo, o Moledo.
Caselas 3-4 Nespereira
O Nespereira mantén a 5ª posición da táboa logo de impoñerse no campo do Caselas nun partido con moitos goles. A próxima fin de semana reciben ao Covelo, pechacancelas do grupo.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará