A goleada do pasado sábado sobre o 7a9 CAFyD supuxo para o equipo de Julio Mougán moito máis que tres puntos. Foi a confirmación do seu continuo progreso tanto na faceta ofensiva como defensiva, e permite ollar con optimismo cara a parte alta da clasificación. Agora preparan con folgos renovados o partido que os levará o sábado a xogan en Gondomar co Cereixa.
O resultado de 8-0 diante dos pontevedreses é mérito “de todo o equipo”, segundo Julio Mougán, e de feito foron sete xogadores diferentes os que anotaron os tantos (Juan, Tizón, Miguel -2-, Dani, Lameiro, Jorge e Portillo). O adestrador destaca non só o acerto a nivel ofensivo, senón o excelente traballo defensivo de todo o equipo, que permitiu deixar a portería a cero. No encontro, disputado na bomboneira, contaron tamén co apoio do seu público, con máis dun cento de persoas nas gradas no Pavillón Municipal de Redondela. Un apoio que vai en aumento, grazas en parte ao incremento das categorías inferiores do Redondela F.S. Agora teñen a mente posta na próxima cita, que será no Pavillón Municipal de Gondomar diante do Cereixa. Os rivais comezaron a liga con tropezos, son 11º do grupo, tres posicións por baixo dos redondeláns, pero o técnico é consciente da calidade do rival. Afrontan o partido tentando rebaixar o nivel de euforia provocado polo resultado da pasada xornada e coa máxima concentración para facerse cos tres puntos. A cita será ás 17.00 horas.