As aulas de bacharelato dos centros de ensino de Redondela estiveron practicamente baleiras na xornada de hoxe co gallo da segunda xornada de folga convocada polos estudantes para protestar contra a Lei LOMCE recentemente aprobada polo PP. Os alumnos iniciaban onte as protestas que culminarán este xoves cunha folga xeral no ensino á que están convocados docentes, estudantes e familias dende infantil a estudos superiores.
Como adoita acontecer o seguimento da folga está a ser valorado de xeito moi diferente por parte de goberno e convocantes. Mentres o Ministerio de Educación asegura que a incidencia está sendo moi desigual, practicamente nula en primaria, escasa en secundaria e algo maior no Bacharelato, alumnos de Redondela aseguran que nos seus centros o seguimento está a ser importante. Así o explicaba dende o Pedro Floriani un dos seus alumnos, Miguel González. Unha protestas convocadas dende a comunidade educativa para esixir a retirada da LOMCE coñecida como Lei Wert e protestar polos recortes no ensino. Os alumnos lembran que entre outras cuestións a lei introduce unhas reválidas coas que non están de acordo e obrigan ao alumnado a elixir “itinerarios forzados a partir da ESO”. Critican tamén o incremento das taxas en FP e na Universidade que ven acompañado dun recorte nas bolsas, o que dificultará que os alumnos con menos recursos poidan continuar os seus estudos. A semana de folga culminará mañá cando están convocados a sumarse á protesta os profesores, os alumnos e os propios pais e nais.