O ciclo Outonoteatro continúa o seu percorrido cunha nova proposta para este sábado da man da Compañía Teatro Galileo. Baixo a dirección de Pedro Rubín presentan a obra Desfeitos escrita pola autora arxentina Febe Chaves e protagonizada por Fernando Morán, Ana Santos e Xosé López Baño “Tanas”.
A acción sitúase nun baño público de homes no que conflúen tres individuos, dous homes e unha muller. Tres seres solitarios que establecen unha singular amizade neste espacio. Todos eles teñen unha historia oculta que vai desvelándose a través da obra. Unha comedia urbana na que se dan cita o humor, o suspense e o amor, nunha obra para reflexionar sobre os vínculos humanos e a soidade do home actual. Teatro Galileo decidiu poñer en escena esta obra logo de atoparse con ela nun escenario en Arxentina. Este sábado poderá verse no Multiusos da Xunqueira dentro do programa Outonoteatro da Concellería de Cultura. O prezo da entrada 4 euros para o público en xeral, dous euros para estudantes e xubilados.