Este será un dos temas que se debata no pleno ordinario de outubro, posposto para o vindeiro martes día 5. Abordaranse tamén outros temas tales como a solicitude por parte de AER de que se sancione aos responsables das obras do AVE no Maceiras polos traballos nocturnos que está a desenvolver no lugar malia estaren expresamente prohibidos e se debaterá a distribución dos orzamentos participativos.
O reparto dos orzamentos, unha partida de 162.257 euros incluída nos orzamentos municipais e que se prevé investir atendendo ás demandas veciñais é un dos temas incluídos dentro da orde do día do pleno que se celebra o vindeiro martes día 5 ás 20:00 horas. Debaterase tamén a revisión de prezos do contrato de xestión da recollida do lixo poro parte de Urbaser.
En canto ás cuestión presentadas polos grupos da oposición dende o PSOE solicitarán ao goberno local que realice as xestións oportunas de cara a adquirir o polígono de autopistas de Chapela para a construcción da gardería municipal así como doutros edificios públicos para a parroquia.
Unha solicitude que chega logo de que o goberno local propuxera como posible ubicación deste servizo o barrio de parada lugar que os socialistas cualifican de “erro de envergadura” por tratarse dunha zona de monte “a que é imposible acceder a pe dende o centro urbano da parroquia e que conta cuns accesos viarios complicados, como a estreita calzada e a pendente”.
Entenden que a finca de 35.000 metros cadrados situada na zona de Cidadelle é unha opción moito máis viable que serviría para construír tanto a gardería como “nun futuro o CEIP Igrexa ou calquera edificio dotacional para a parroquia”, unha parcela de interese xeral para a parroquia como zona na que xuntar servizos públicos e administrativos, ademais de estar moi ben comunicada ao contar con servizo de Vitrasa, motivo solicitarán no vindeiro pleno que o concello realice as xestións precisas para adquirir dita parcela.
Pola súa banda dende AER solicitarán entre outras cuestións que se multe aos responsables da empresa das obras do AVE no Val do Maceiras por estaren a realizar traballos nocturnos malia carecer de autorización. Entenden que debería aplicárselle a máxima contía prevista por tratarse dunha falta moi grave polo que se debería multar a estas empresas coa sanción máxima que ascende a 60.101 euros.