A mostra, organizada polo Concello e a Asociación Alejandro Otero, permitiu recuperar un retrato ao óleo do homenaxeado, unha peza descoñecida que conforma xunto con dous pergamiños e un libro de anotacións clínicas os obxectos máis salientables da exposición que pode visitarse no Multiusos ata o vindeiro 14 de decembro.
Retratos, pergamiños, obxectos persoais como a medalla de Granadino Ideal, documentos escritos por Alejandro Otero, libros biográficos e recortes de prensa conforman a exposición que ata mediados de decembro se pode visitar no Multiusos da Xunqueira, data na que está previsto celebrar un acto especial como colofón ao ano dedicado ao ilustre médico e político redondelán. Logo de varios actos realizados ao longo do 2013 entre os que podemos salientar a colocación dunha praca na que fora a súa casa natal na rúa Reveriano Soutullo e a inauguración dunha praza co seu nome, continúan os actos en torno á figura de Alejandro Otero dentro do calendario previsto para este ano que o concello decidiu dedicar á súa memoria. Si algúns dos actos máis importante se celebraron o pasado 26 de xuño coincidindo coa data na que se conmemoraba o 60 aniversario do seu pasamento, o Concello de Redondela e a Asociación Alejandro Otero elixiron o 14 de decembro día no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento, para poñer o colofón a un ano dedicado a este home cuxos méritos abarcan campo diversos, xa que foi un destacado xinecólogo, membro do partido socialista e rector da Universidade de Granada entre outros méritos.