Esixen que o Ministerio inclúa nos orzamentos do estado do 2014 partidas económicas que permitan a construcción dunha rotonda no Alto dos Valos así como 300.000 euros para a mellora da seguridade viaria na N-552 e acceso a Meirande. Os nacionalistas veñen de presentar varias emendas neste sentido a uns orzamentos que cualifican de “ridículos e cativos” e que deixan “en situación de abandono” a comarca de Redondela.
Ante esta situación o BNG de Redondela vén de presentar unha serie de emendas aos orzamentos do Estado orientadas a mellorar a seguridade viaria na bisbarra. Así, por enésima vez, presentan unha emenda para que o ministerio de Fomento elabore un proxecto para a construcción dunha rotonda no Alto dos Valos. Explican dende o BNG que a confluencia da estrada provincial coa N-550 supón un treito dun alto grado de risco, tanto para condutores como peóns, por tratarse dun “punto negro” que soporta diariamente o paso de máis de 15.000 vehículos. Solicitan unha partida de 400.000 euros para iniciar as obras.
Reclaman tamén a mellora da seguridade viaria na N-552 e acceso a Meirande, unha actuación que entenden de “primeira necesidade” sobre todo ante a inminente posta en marcha do centro de interpretación da Batalla de Rande. Explican que “cómpre mellorar a seguridade viaria na zona e que o Ministerio debe asegurar que o acceso de vehículos rodados, tanto particulares como autobuses, ao Meirande”. Neste caso a partida axeitada ascendería ao entender do Bloque a 300.000 euros.