Poderán acceder a estas axudas as unidades familiares cuxos menores estean escolarizados en centros públicos situados no municipio, cursen o segundo ciclo de Educación Infantil ou Educación Primaria e fagan uso do servizo de comedor escolar. O prazo de solicitude remata o vindeiro 15 de novembro.
As axudas que concede o departamento de Servizos Sociais para subvencionar os comedores escolares cubrirán o período comprendido entre o 1 de outubro e o remate do curso o 20 de xuño. A Concellería destina a esta prestación un total de 24.000 euros, unha axudas que nalgúns casos e dependendo da situación do solicitante poden asumir ao 100% o custe do comedor escolar asegurando así que os nenos poidan acceder a estes menús de xeito gratuíto.
As solicitudes, que deberán presentarse antes do vindeiro 15 de novembro, valoraranse tendo en conta os aspectos económicos e sociais dos membros da unidade familiar e de convivencia. As bases que regulan esta axudas poden consultarse no BOP do 31 de outubro ou directamente na páxina web do concello http://www.redondela-server.net/web/ . Enderezo no que se poden descargar tamén os impresos necesarios para solicitar estas subvencións.