O pleno do concello aprobou cos votos en contra do PP unha moción dos socialistas na que solicitaban a compra deste parcela de 35.000 metros cadrados situados na zona de Cidadelle. O obxectivo é ubicar nese lugar a futura gardería de Chapela así como outros edificios públicos para a parroquia. O terreo actualmente estaría en mans da inmobiliaria de NCG banco.
O partido socialista argumentaba a moción ante a necesidade de adquirir un lugar axeitado no que construír a futura gardería da Chapela, un servizo para o que hai comprometidos dende a Xunta de Galicia un investimento de 600.000 euros. O concelleiro Eduardo Reguera aproveitaba para criticar que dende o goberno local non existise unha proposta en firme para a ubicación de dito servizo logo de que se propuxera nun primeiro momento os baixos do Colexio de Angorén, posteriormente o antigo colexio de Trasmañó e finalmente un terreo no barrio de Parada lugar que os socialistas cualifican de “erro de envergadura” por tratarse dunha zona de monte “a que é imposible acceder a pe dende o centro urbano da parroquia e que conta cuns accesos viarios complicados, como a estreita calzada e a pendente”. Unha opinión que comparten tamén no BNG, cuxo concelleiro Xoan Carlos González aseguraba que instalar no barrio de Parada a gardería podería considerarse incluso de “malversación, por ser un xeito de malgastar os fondos públicos”. Tanto PSOE como BNG entenden que a finca de 35.000 metros cadrados situada na zona de Cidadelle é unha opción moito máis viable que serviría para construír tanto a gardería como “nun futuro o CEIP Igrexa ou calquera edificio dotacional para a parroquia”, unha parcela de interese xeral como zona na que xuntar servizos públicos e administrativos, ademais de estar moi ben comunicada ao contar con servizo de Vitrasa. Unha cuestión que tamén contou co apoio do concelleiro de AER. Con todo o seu representante, Alfonfo Blanco “Pochi” amosou as súas dúbidas sobre o custe económico desta operación e sobre as posibilidades do concello de facerlle fronte, aínda que apostou por secudala tendo en conta “que a proposta saíu do propio consello parroquial de Chapela”. Dende o PP argumentouse a súa negativa porque por unha banda “xa se teñen realizado as xestións oportunas de cara a coñecer a situación actual da propiedade” en palabras da edil de fadenda Ana Alonso, quen engadía que “aprobar esta moción fará que os seus propietarios teñan a potestade de poñer o prezo” e defendeu que se iniciase “un procedemento aberto para que se presentaran propostas alternativas para a futura construcción da gardería”.