O Multiusos da Xunqueira acolle o venres un festival que contará cun espectáculo de improvisación teatral a cargo de Escuadra 17, a música do grupo Black Notes e baile coa danza do ventre da academia Alchemy. Está organizado pola delegación de Redondela da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, á que irán destinados todos os donativos que se recollan na gala.
O festival foi presentado no Concello por Carolina Alfaya, delegada da organización en Redondela, e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa París. Alfaya explicou que a situación que viven actualmente os refuxiados é “insostible”, xa nos campamentos falta “de todo o imprescindible”, carecen de alimentos e de medicinas, e tan só poden dispoñer da escasa axuda que lles chega do exterior, e que cada vez é menor. O festival comezará ás 20.00 horas, e o prezo da entrada será un donativo voluntario. Entres os asistentes sortearanse diferentes agasallos, que foron cedidos por establecementos comerciais de Redondela. Ademais, co fin de sensibilizar á sociedade dos problemas do pobo saharaui, está previsto que se proxecten diferentes fotografías dos campamentos de refuxiados, o seu día a día, e os proxectos que a ONG leva a cabo na zona. Vacacións en Paz A concelleira Teresa París lembrou tamén que entre as campañas que organiza a ONG está o programa de Acollemento Familiar Temporal “Vacacións en Paz”, grazas ao cal nenos dos campamentos poden viaxar a Galicia e outros puntos de España para pasar os meses de xullo e agosto acollidos por familias. Deste xeito evitan sufrir as condicións “extremas” do clima africano neses meses de verán, onde as temperaturas chegan a superar os 50º. Desde a ONG lamentan que o número de familias de acollida diminuíu de xeito alarmante nos últimos anos, xa que se hai unha década eran ata 30 os nenos que pasaban o verán en Redondela con diferentes familias, neste ano só foron 3. Para o próximo ano 2014, polo de agora, só hai dúas familias. Os interesados poden poñerse en contacto coa ONG no teléfono 986.26.26.37, ou na páxina web www.sogaps.org.