O Patrón Maior de Redondela, Clemente Bastos recoñece a difícil situación pola que atravesa a entidade “logo de que se reducira notablemente a facturación” pero descarta que a crise actual poida provocar o peche da Confraría. Co obxectivo de sanear as contas a Xunta Xeral decidiu reducir o número de traballadores.
A crise azouta á confraría de pescadores “San Juan” de Redondela. A caída das vendas e, sobre todo, dos prezos do marisco provocou segundo explica o patrón maior do pósito, Clemente Bastos, que a facturación teña diminuído nun 50% nos últimos anos. Para evitar que o déficit da entidade vaia a mais no último mes a Xunta Xeral adoptou unha medida extraordinaria: reducir o número de empregados despedindo a dous traballadores -unha administrativa e un vixilante- ante a imposibilidade de seguir mantendo os seus salarios. En principio esta é a única das medidas previstas para tentar recortar os custes logo de que xa se adoptaran outras medidas como “diminuír os gastos en combustible, coches e teléfono”. Medidas que non foron suficientes para sanear a entidade, polo que finalmente a Xunta Xeral optou por despedir a estas dúas persoas. Bastos recoñece tamén que se están a producir atrasos nos pagos á mariscadores e mariscadoras algúns dos cales denuncian que “tardan semanas en cobrar as súas vendas e incluso hai os que xa adoptaron a decisión de vender con outras confrarías por temor a non cobrar”. O patrón maior sen embargo traslada unha mensaxe de tranquilidade “xa que para nos o prioritario é pagar aos socios”. Sobre as críticas ao importante investimento que a Consellería do Mar está a realizar na construcción da nova lonxa de Cesantes malia a difícil situación económica da Confraría o patrón maior insiste en que “esta obra permitirá crear maior negocio en Redondela e polo tanto facilitará que unha vez estea en funcionamento saiamos da situación de crise que padecemos”.