En formato dixital ou en papel a revista MPK Magazine ten xa publicado o seu segundo número. Unha idea orixinal de Óscar Torres que con esta revista quere “achegar á escena galega as tendencias culturais e creativas do mundo” . A revista pódena consultar na Biblioteca de Redondela ou no enderezo electrónico www.mpkmagazine.com/
Contidos variados que pasan por informacións en torno á música, as series televisivas, ao cómic ou ao cine, pasando por artigos de cociña e deseño así como reportaxes sobre fotografía ou ilustración. Tamén se aposta polas entrevistas que neste segundo número se centran na figura de Angeles Mora “unha das mellores microrrelatistas do pais”. O obxectivo é achegar o mundo da cultura aos lectores dun xeito ameno e sen grandes pretensión “facendo os contidos consumibles e entretidos”. Unha idea que estaba na mente de Óscar Torres dende hai tempo e que se concretaba recentemente grazas ao apoio dos colaboradores que traballan desinteresadamente. De feito, o tema económico é o grande cabalo de batalla como en case todos os proxectos culturais. E no camiño de autofinanciarse buscan patrocinadores, basicamente locais de hostalaría que reciben a revista por 30 euros anuais. Ata o de agora o maior apoio atopárono na zona do Casco Vello vigués.