Así o entenden os rapaces e rapazas do instituto de Chapela encargados este ano de escribir o manifesto institucional que a Concelleira de Muller e Igualdade, Teresa París se encargaba onte de ler ante un cento de persoas que quixeron, neste 25 de Novembro día Contra a violencia de xénero, manifestar a súa repulsa contra esta lacra social.
Un texto no que o alumnado facía referencia a desigualdade como “unha inxustiza cara o xénero feminino” presente en todos os ámbitos e tamén na nosa contorna máis próxima e que se concreta en feitos tan cotiás como que só unha rúa de Redondela leve un nome de muller (Ernestina Otero), que nunca houbera unha alcaldesa presidindo o concello, que siga habendo estudos e profesións “feminizados” ou que no mundo do deporte as mulleres sigan a cobrar menos que os homes “reproducindo tamén ahí a desigualdade salarial existente en todas as profesións”. Puxeron como exemplo o feito de que militando en categorías semellantes as xogadoras de balonmán de Chapela cobren bastante menos que os xogadores do equipo masculino. Finalmente reclamaron unha educación non sexista que serva para poñer fin a unha violencia de xénero que “cada seis días deixa unha nova vítima mortal”.