O que fora Bota de Ouro no Mundial de Nixeria 1999, volve a Redondela logo de pasar polas ligas de Inglaterra, Vietnam e China. A pasada xornada foi o seu debut co Choco de Terceira División nun partido que gañaron en Betanzos, e este domingo estrearase en Santa Mariña diante do Alondras. Couñago recoñece que afronta este partido na casa “con ilusión e nervios” diante do seu público, familiares a amigos.
O dianteiro Pablo Couñago, formado na canteira do Casa Paco, está de volta en Redondela logo de 14 anos nos que fraguou a súa carreira profesional en diferentes clubs. Xogador das categorías inferiores do Real Club Celta, foi campión do mundo sub-20 en Nixeria 1999, pasou polo Numancia e Recreativo de Huelva na categoría de prata, e estreouse en Primeira co Celta, pero non chegou a “callar” no equipo vigués, e decidiu dar o salto. Tivo dúas etapas no fútbol inglés da man do Ipswich Town, onde segue a ser un referente. Finalizou o seu periplo inglés no Crystal Palace e logo probou fortuna no fútbol de Vietnam, e seguiu en Asia no Kitchee de Hong Kong, club con varios galegos onde tivo a súa última experiencia profesional. Recoñece que a súa experiencia é a dun “emigrante privilexiado”, e que aínda que marchar fóra foi unha decisión “moi dura”, hoxe revélase como “a mellor” que tomou na súa vida. Agora, con 34 anos, regresa ao fútbol español da man do seu equipo, o Choco, que regresou á Terceira División logo de trinta anos en categorías autonómicas. Couñago asegura que afronta esta nova etapa “con moita ilusión” e tamén con “nervios” pola responsabilidade que supón. O conxunto de Jacobo Montes está a facer unha espléndida temporada, e xa está considerado como “o equipo revelación” do seu grupo, colocado entre os grandes da categoría. Para Couñago estes bos resultados son o froito do traballo feito nos últimos anos e o esforzo por coidar a canteira. Logo do seu debut a pasada xornada en Betanzos, onde gañaron 1-2, este domingo estrearase en Santa Mariña diante do Alondras. O xogador prognostica un encontro “bonito” cun dos clásicos da Terceira, e confía en que o Choco poida sacar un resultado positivo para seguir nos postos de privilexio da táboa “o maior tempo posible”.