A decisión unánime de rexeitar a modificación puntual das normas subsidiarias no ámbito de Canabal supón aparcar, aló menos tal e como estaba concibido actualmente, o proxecto de urbanización dunha parcela de 36.320 metros cadrados que prevía a construcción dun centro comercial, 17 vivendas unifamiliares, un hotel e unha estacións de autobuses. A moción presentada polo PSOE e secundada por todos os grupos da oposición contou tamén co apoio dos populares que días atrás defendían o proxecto “por ser moi beneficioso para Redondela”.
Un debate longo e tenso malia que os catro grupos con representación na corporación amosaron o seu apoio á moción dos socialistas na que se acordaba rexeitar a modificación puntual das normas subsidiarias que permitían recalificar esta parcela de Canabal para o seu desenvolvemento urbanístico. A sorpresa producíase cando o PP manifestaba tamén a súa intención de apoiar a proposta. O concelleiro de Urbanismo, Arturo González asegurou que a decisión do seu grupo de votar contra unha recalificación urbanística que a semana pasada pretendían aprobar nun pleno extraordinario responde a que “buscamos o maior consenso e non temos urxencia en aprobar este proxecto”. Negou rotundamente que houbese algún tipo de presión por parte dos promotores do proxecto tal como apuntaban dende o PSOE. Era o socialista Luis Orge quen apuntaba que detrás da premura do PP por levar este asunto a pleno “estaría a presión exercida polos promotores da iniciativa acuciados por un problema económico”. Segundo dixo a empresa promotora Unión Comercio de Redondela estaría a pasar por serios problemas económicos “porque adquiriron unha hipoteca de 1,5 millón de euros sobre un terreo valorado en 165.000 euros”. Apuntaba tamén Orge que o seu grupo estaba en contra do proxecto “por non estar acreditado o seu interese xeral nin a súa viabilidade e solvencia económica”. O BNG asguraba que a día de hoxe “o proxecto do centro comercial é inviable, non procede nun momento no que experiencias semellantes en concellos veciños están a fracasar”. A nacionalista Cecilia Pérez defendía un centro comercial aberto e dinámico. Criticaba tamén as presas do PP pro intentar levar adiante un proxecto “sen pensar nas negativas consecuencias que podía ter” e que se traduciu nunha oposición na rúa “que lles obriga agora a dar marcha atrás”. Uns argumentos semellantes eran esgrimidos pro AER cuxo concelleiro, Alfonso Blanco “Pochi” amosaba a súa sorpresa ante o xiro do PP. Criticaba tamén na súa intervención que se defenda a creación dun área comercial a escasos metros dun casco urbano non que se poden atopar todo tipo de servizos comerciais. O propio alcalde tiña que dar explicacións neste asunto logo de que así llelo solicitase a Agrupación de electores. Javier Bas insistía en que detrás do proxecto “non hai nada escuro nin nada que ocultar” e recoñecía que cometeran o erro de “non ter atado suficientemente este asunto cos comerciantes” algo que “nos leva a deixar este asunto en stan by”.